FABRICA DE CHAVIN
Provincia: Lugo
Concello: Viveiro
Parroquia: Santa María de Chavín
Lugar: Chavín
Paraxe
Coord. Xeográficas - Latitude: 43º 36' 46'' N
Coord.Xeográficas - Lonxitude: 7º 35' 20'' W
Coordeadas UTM: Datum europeo 1950 (ED 50): H 29 // X 613.838,72 m / Y 4.830.110,39 m
Clasificación: Fabricación metálica
CNAE: 29.20
Fabricación de carrozarías para vehículos de motor; fabricación de remolques e semirremolques. 45.11
Venda de automóbiles
Tipoloxía: Taller mecánico, con fundición e forxa
Comarca: Viveiro
Marco Xeográfico: Ribeira dereita do río Landro, augas arriba do coto do Naseiro.
Ámbito: Rural
Acceso:
En Viveiro cóllese a estrada LU-540 cara a Ourol. A uns tres quilómetros e medio, no lugar de Altamira, apartaremos á esquerda, pola LU-161, cara a Chavín. A pouco máis de dous quilómetros e medio chegaremos ao lugar de Calvoso, onde estiveran os talleres de José Barro.
Tipo de propiedade:
Privada
Visitable:
Non procede
Xestión de visitas:
Non procede
Historia:
Na parroquia de Chavín, a seis quilómetros de Viveiro, establecérase no ano 1850 a fábrica “Basols y Compañía”, de fiados e tecidos de liño e algodón. Un motor hidráulico coñecido como turbina Fourneyron accionaba as instalacións, que completábanse cuns muíños fariñeiros (vid. ficha 376). As augas derivábanse do río Landro no paraxe chamado A Retorta, e conducíanse por unha canle de case un quilómetro. Segundo Donapetry, as instalacións construíranse baixo a dirección do enxeñeiro de minas hispano-alemán Guillermo Schulz (Wilhelm Phillip Daniel Schulz Schweizer), quen tamén dirixira por un tempo a súa explotación.
O establecemento fabril de Jaime Basols tivo “vida accidentada y breve”, funcionando pouco máis de dez anos, sendo despois adquirido por Diego Valiño Montenegro.
Na década de 1890, a antiga fábrica de lenzos, velames e lonas de “Bassols y Compañía” sería adquirida polo mozo mindoniense José Manuel Barro González, quen contra 1896 establecería nelas unha central eléctrica, un serradoiro mecánico e un muíño fariñeiro con tres moas, ademais de aproveitar parte das antigas instalacións téxtiles para a fabricación de tecidos de punto baixo a razón social “A. Durán y Compañía”, de corta vida. (vid. Donapetry, p. 339).
Na década de 1900,
José Barro pecharía o serradoiro, o muíño e a fábrica de tecidos, centrando o seu interese na produción de electricidade e na creación dun taller mecánico.
Descrición Xeral do Entorno:
O taller situárase na ribeira dereita do río Landro, e a carón da estrada a Viveiro, no lugar de Calvos da parroquia de Chavín.
Construcción:
Contra 1896.
Abandono:
1981.
Descrición:
En 1899, José Manuel Barro González pensa en establecer unha liña de automóbiles Baamonde-Mondoñedo-Ribadeo, e outra Ferrol-Ortigueira-Viveiro-Ribadeo. Puxérase en contacto co fabricante francés “De Dion, Bouton et Cie.” e en 1904 xa dispuña dun automóbil.
Do conxunto fabril que Barro tiña en Chavín, en 1907 o serradoiro deixaría de traballar, en 1909 xa non funcionaban os muíños, e en 1910 liquidaría a fábrica téxtil. En tanto, José Barro viña dedicando as súas enerxías á ampliación da central hidroeléctrica e á consolidación da fundición e do taller mecánico, no que facíanse todas as reparacións necesarias a toda clase de automóbiles.
Ademais, dende 1908
Barro importaba chasis e recambios fabricados por De Dion Bouton, que carrozaba e adaptaba no seu taller.
O taller mecánico medraría incorporando todo tipo de maquinaria: fresas, tornos, máquinas de roscar, de tradear, de tallar coroas, de centrar, de puír, fraguas, prensas, rectificadoras, martelos de aire comprimido, soldadura autóxena e ata un pequeno forno Siemens co que reduciría a súa dependencia das fundicións de Deusto e Trubia. Barro contrataría mecánicos, electricistas e carroceiros. Aínda ampliaría as instalacións cun taller de caldeirería, soldadura eléctrica e remachado, no que construiría caldeiras para as fábricas de conservas.
O taller mecánico de Barro contaba en 1926 con oitenta traballadores e vinte e seis aprendices e seguía a crecer coa instalación doutro forno eléctrico Siemens, de máis capacidade, e de varios fornos para tratamento térmico das pezas, así como fundición de bronce e de aluminio.
Máquinas de tallar engrenaxes rectos e cónico, mandrís, taller de niquelado e de pintura por pulverización completaban unhas instalacións que serían un referente no seu tempo.
A fábrica de Barro-Chavín sería militarizada durante a Guerra Civil (1936-1939), retomando despois a súa normal actividade, coa que chegaría a ocupar a trescentos operarios.
José Manuel Barro González falecería o 14 de xaneiro de 1943, e os seus herdeiros segregarían do conxunto empresarial a industria de produción e distribución de enerxía eléctrica, baixo a razón social “Electrabarro, S.A.”, as construcións mecánicas e repostos para automoción continuarían como “Barro-Chavín, S.A.”, e crearíase unha nova empresa, “Sucesores de J. Barro, S.A.” para a fabricación de carrozarías.
En 1961, nunha operación máis do proceso de absorción das pequenas empresas eléctricas da rexión, que se estaba a levar a cabo polas grandes empresas eléctricas dende o remate da Guerra Civil española (1936-1939), os titulares da “fábrica da luz” de Chavín cedíana a “Barras Eléctricas Galaico Asturianas, S.A.” (BEGASA). O novo titular da central de Chavín non tardaría en deixala fora de servizo, aínda que na década de 1980 a rehabilitaría aumentándolle a potencia.
A fábrica de carrozado pecharía en 1978, e os talleres mecánicos faríano en 1981. A fábrica de Chavín sería adquirida por “Hidrofersa, S.A.” en 1984 e totalmente modernizada, dedícase dende aquela á construción de maquinaria naval.
Do outro lado da carreteira, ocupando parte dos terreos das vellas instalacións de José Barro, instalaríase no ano 2009 unha filial da compañía danesa “Vestas”, na que se fabricarían elementos estruturais para os muíños de vento de dita empresa.
Tempo de uso:
Todo o ano.
Sistema de produción:
As primitivas instalacións contaban cunha forxa, un torno mecánico e un trade, equipamento tan modesto como inicialmente suficiente para os traballos de reparación e remachado das construcións mecánicas.
Nas sucesivas ampliacións incorporaría unhas melloradas instalacións de fundición, fragua, obradoiros de caldeiraría e de montaxe, incorporando todo tipo de maquinaria, e fornos de tratamento das pezas, segundo recolleuse antes.
Inicialmente recibíanse os bloques de aceiro sen elaborar das fundición de Deusto e de Trubia. Máis adiante aínda instalaría un forno eléctrico de trescentos quilogramos de capacidade para fundir o aceiro.
O proceso tradicional de fundición comeza pola fusión dun metal, tipicamente aliaxes de ferro (aceiros) e aliaxes de cobre (bronces), nun crisol para vertelo (colalo) nunha cavidade (molde) onde vai solidificarse adquirindo a forma que derámoslle ao molde.
Unha vez solidificado e frío o metal, rómpese o molde para extraer a peza fundida, procedendo a traballala, eliminando rebarbas e limando asperezas, ata darlle o acabado final. Nalgúns casos, a peza pode requirir un mecanizado co arranque de labras ou un tratamento térmico (temperado, recocido, revenido) para mellorar as súas propiedades mecánicas.
O proceso de forxa supón o quecemento do material na fragua para o seu posterior traballo ou conformado por golpeo, temperado ou calquera dos diversos procedementos mecánicos existentes. Os traballos de caldeiraría e chapa revisten menor complexidade, podendo resumirse no debuxo e marcado, corte, pregado, montaxe, axuste e acabado.
O remachado, primeiro, e a soldadura, despois, completaban, coa preparación de superficies, o niquelado e o pintado, o abano das principais tarefas dos talleres mecánicos.
Actividades laborais:
Man de obra masculina en tódalas etapas do proceso. Persoal tamén masculino na atención da maquinaria e os equipos, e persoal masculino e feminino nas oficinas.
Emprego:
Pasaría dun centenar de traballadores antes da Guerra Civil (1936-1939) aos trescentos operarios que ocuparía despois desta. No ano 1969, "Barro-Chavín, S.A." ocupaba a cento cinco traballadores, e "Sucesores de J. Barro, S.A." a sesenta e dous.
Materias Primas:
Aceiro en bloque e en prancha, bronce e aluminio. Perfís, tubos, chapas e arame de aceiro, ademais de materiais para remachar, soldadura, pintura, etc.
Produtos Elaborados:
Pezas de fundición e de caldeirería, e conxuntos para automoción e caldeiras para a industria conserveira.
Distribución e comercialización:
Nacional.
Referencias Bibliográficas:
Carmona Badía, J.; Nadal Oller, J., 2005. El empeño industrial de Galicia. 250 años de historia, 1750-2000. A Coruña: Fundación Pedro Barrié de la Maza. DL C-2342-2005. ISBN 84-95892-38-3.
Córdoba de la Llave, R., 2008. “Las artes del fuego: metalurgia y alfarería”, Ars Mechanicae: ingeniería medieval en España, Pedro Navascués Palacio (coord.), Fundación Juanelo Turriano, Madrid: Ministerio de Fomento (CEDEX-CEHOPU), p. 203-213. DL M-46232-2008. ISBN 978-84-7790-470-0.
Donapetry Iribarnegaray, J., 1953. Historia de Vivero y su Concejo, Vivero: Ayuntamiento de Vivero, edición facsímil de 1991 de la Diputación Provincial de Lugo. DL LU-811-1991. ISBN 84-86824-00-1.
Fundación Jorge Jove, 2015, Felices años 20: el automóvil y sus circunstancias. A Coruña: Fundación Jorge Jove. DL C-2168-2015.
Gross, K., 1942. “Hornos industriales”, Manual del Ingeniero, Enciclopedia del Ingeniero y del Arquitecto compilada por la Academia Hütte de Berlín, 2ª ed. trad. de la 26ª edición alemana, Tomo IV. Barcelona: Gustavo Gili, Capítulo X, p. 1017-1076.
Nuevo Cal, C., 2004. Viveiro: unha historia en fotografías, 1888-1930, Viveiro: Seminario de Estudos Terra de Viveiro. DL LU-311-2004. ISBN 84-921804-5-5.
Nuevo Cal, C., 2006. “José Barro González (1873-1943)”, Empresarios de Galicia, Xoán Carmona Badía (coord.), Centro de Investigación Económica e Financeira (CIEF), A Coruña: Fundación Caixa Galicia, p. 302-317. DL C-2900-2006. ISBN 84-96494-83-7.
Puche Riart, O.; Ayala-Carcedo, F. J., 2001. “Guillermo P. D. Schulz y Schweizer (1800-1877): su vida y su obra en el bicentenario de su nacimiento”. Boletín Geológico y Minero, 112(1): 105-122. ISSN 0366-0176.
Taboada Arceo, A., 1971.
Excelente recopilación.
ResponderEliminar